Segundo a investigación, os detidos, veciños de Boiro, Caldas de Reis, Barro e Meis, estarían implicados en delitos de furto, receptación e maltrato animal. A operación iniciouse tras detectarse a desaparición reiterada de gando en zonas de pasto da comarca.
Os investigadores sosteñen que o grupo actuaba de forma coordinada e posteriormente vendía os animais a membros dunha asociación gandeira. Para dificultar a súa identificación, presuntamente manipulaban as marcas nas orellas das reses e realizaban novas marcaxes que provocaban lesións sen control veterinario.
Durante a investigación tamén se constatou a morte de cinco animais por disparos de arma de fogo. Foron intervidas cinco escopetas de caza que, segundo a Garda Civil, poderían estar relacionadas cos feitos.
As reses foron devoltas aos seus propietarios en Boiro, Porto do Son e Lousame. Os cinco detidos quedaron en liberdade tras declarar, e as dilixencias xa foron remitidas ao Xulgado de Ribeira.

