En Ribeira, os Reis Magos chegaron a bordo dun autobús antigo dos anos 50 sorprendendo a grandes e pequenos. Durante a mañá, visitaron as parroquias e o hospital, e a cabalgata, que percorreu o centro da cidade, repartiu dous mil quilos de caramelos e bolas con sorpresas.
No caso da Pobra, os Reis Magos optaron por descapotables para percorrer as parroquias e achegarse á residencia de maiores. A comitiva saíu do muelle comercial e percorreu o centro da vila, antes de rematar a súa xira no pavillón de Venecia cunha gran festa.
En Boiro, a cabalgata foi un espectáculo de música e luces, cunha gran comitiva de oito carrozas e grupos musicais. O percorrido partiu desde A Magdalena, chegando á praza de Galicia, onde se celebrou a recepción oficial dos Reis.
Xa en Rianxo, os Reis Magos chegaron ao porto a bordo dun barco bateeiro. Tras o desembarco, as súas maxestades puxeron rumbo ao pabellón municipal, onde agardaba o belén vivinte. No desfile tamén destacaron vehiculos decorados con motivos mariñeiros que reforzaron o vínculo co mar.
En Muros, as carrozas reais saíron pola tarde desde Laxeiras e percorreron o municipio ata O Curro da Praza. Desta vez, os romanos a cabalo destacaron no desfile, ofrecendo unha estampa espectacular. O percorrido rematou cunha merenda e a tradicional visita ao belén vivente.
A xornada de Noia foi especialmente sensible, xa que se organizou un acto matinal adaptado para máis de 160 nenos e nenas TEA, grazas á colaboración do Concello e as asociacións Barbantea e Alquinoia. Pola tarde, sete grandes carrozas percorreron as rúas de Noia.
Lousame recibiu aos Reis Magos na Casa da Cultura. Unha das novidades foi a creación de horarios sen música e con luz tenue, permitindo que os nenos con necesidades especiais tamén puideran disfrutar da festa sen sobresaltos. O evento foi un exemplo de inclusión e accesibilidade.
A maxia comezou cedo en Porto do Son, onde os Reis percorreron o municipio en carroza, visitando as parroquias e o centro de día. Ao final da tarde, celebrouse a gran cabalgata na fachada marítima, un evento cargado de música e ilusión.
A xornada continuou en Outes, onde a recepción real tivo lugar no pabellón de Serra de Outes. Pola tarde, a cabalgata percorreu as rúas do municipio, antes de rematar cunha gran chocolatada na praza de Galicia, facendo felices a todos os presentes, nenos e maiores por igual.

