O pasado 12 de outubro arrancou a campaña 25/26 para o Rotogal e o fixo da mellor forma posible. Os boirenses debutaron cun traballado triunfo na pista do CID Jovellanos e a súa estrea na Cachada foi tamén sobresaínte logo de impoñerse por 3-1 a un combativo Suac Canarias. A pasada fin de semana o conxunto dirixido por Adrián Alves desprazouse a Lugo para enfrontarse a un equipo do nivel do Arenal Emevé que plantou cara a un Boiro que amosou unha gran versión sobre o parqué para anotarse o triunfo cun 0-3. Inmaculado este inicio do Rotogal que só sabe gañar polo momento, o que o levou ao segundo lugar do grupo A da Superliga 2, e mañá terá unha nova proba na que se verá se os do Barbanza seguen engadindo vitorias á súa conta.




