Boiro

DESARTICULADO UN IMPORTANTE PUNTO DE VENDA DE DROGAS EN BOIRO

A Garda Civil, no marco da Operación “XELEA REAL», vén desarticular un punto de venda de drogas activo no centro urbano de Boiro e procedeu á detención de oito persoas, seis homes e dúas mulleres, veciñas de Boiro e Rianxo, como presuntas autoras dun delito contra a saúde pública (tráfico de drogas) e pertenza a grupo criminal. A investigación iniciouse en xuño do 2024 por axentes do Posto Principal da Garda Civil de Boiro e centrouse nunha vivenda no centro da localidade que operaba como un punto de venda de estupefacientes as 24 horas do día.

Constatouse que a responsable do grupo, con antecedentes por delitos de drogas, utilizaba complexas estratexias para evitar ser detectada. Cambiaba constantemente os métodos de distribución, facía paradas intermitentes nos traxectos e tiña unha rede de colaboradores que efectuaban as vendas en distintos puntos discretos do centro urbano, alternando distribuidores para non levantar sospeitas. Identificáronse ata nove persoas realizando estes labores de venda.

O movemento na zona era notorio, o que provocou un aumento de infraccións penais como roubos e furtos, realizados por persoas cun amplo historial delitivo que acudían ao momento de venda desde diversas localidades do Barbanza para adquirir cocaína, crack, heroína ou haxix. Tamén se confirmou a presenza de máis de 30 compradores nun só día.

A operación culminou o pasado 24 de xuño de 2025 coa detención da principal dirixente do grupo ao saír da vivenda obxectivo. Realizouse un rexistro domiciliario, autorizado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución nº 1 de Ribeira en funcións de garda. Interviñéronse 197 doses de cocaína, 303 doses de heroína, 8 doses de crack, 93 dose de haxix, 15 pastillas de metadona e 12 doses de marihuana.

Tamén se incautaron efectos procedentes de roubos e furtos, incluíndo unha bicicleta valorada en 3.000 euros que xa foi recoñecida polo seu lexítimo dono. Tras estas intervencións, practicáronse as detencións das outras sete persoas que formaban parte do grupo criminal como colaboradores directos na distribución das drogas. Con estas detencións, a Operación «XELEA REAL» dáse por pechada, logrando desactivar un punto de subministración de drogas de gran relevancia no Barbanza. Os detidos foron postos ao dispor xudicial do Xulgado nº 1 de Ribeira quen decretou o ingreso en prisión da responsable do grupo e deixou en liberdade con cargos aos outros nove implicados.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.