Outes

A Xunta impulsa con 209.000 euros o futuro Centro de visitantes multifuncional xeodestino ría de Muros-Noia

A Xunta destina, na convocatoria de axudas deste ano, máis de 15,8 millóns de euros aos proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) que redunden en beneficio para as zonas litorais de Galicia. Así o destacou o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, na visita que realizou esta mañá ao edificio do antigo Casino, que albergará o Centro de Visitantes multifuncional Xeodestino Ría de Muros-Noia. Alí, acompañado polo alcalde de Noia, Santiago Freire, coñeceu o proxecto, que recibiu apoio da Consellería do Mar a través dunha axuda de 209.000 euros.

O concello de Noia adquiriu no seu día o edificio do antigo Casino, por un importe de 450.000 euros. O proxecto acomete a rehabilitación integral do inmoble, que conta cunha protección estrutural, baixo parámetros de mantemento dos elementos decorativos orixinais. A achega da Xunta divídese en tres anualidades: 12.000 euros no ano 2016, 50.000 euros no 2017 e os 147.000 restantes no 2018. Na planta baixa deste edificio está funcionando a oficina municipal de Información Turística.
O Centro de Visitantes multifuncional Xeodestino Ría de Muros-Noia pretende converterse nun elemento dinamizador do turismo dos concellos que conforman a área de actuación: Muros, Noia, Porto do Son, Outes e Lousame. Está previsto que as obras dean comezo nos vindeiros meses, contando con que o centro poda entrar en funcionamento no ano 2018, coincidindo co 850 aniversario da Carta Fundacional de Noia como vila.
Entre outros proxectos na provincia da Coruña que contan con axudas a cargo a estes fondos, destaca o do GALP Costa da Morte, onde se converterá unha antiga fábrica conserveira nun espazo expositivo sobre a conserva en Camariñas.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.