Este fin de semana regresa a Liga Nacional 3×3 onde a única representación da comarca é o Groinn Sta Baia. Os boirenses volverán a vestirse de curto na competición logo da última xornada disputada o 25 de xaneiro no Escorial. Sen embargo máis recentemente, o pasado 16 de febreiro, o conxunto proclamouse campión da Copa 3×3 que se disputou nas Palmas de Gran Canaria.
O Sta Baia afronta agora a sétima xornada da Liga Nacional cun gran sabor de boca e con gañas de superarse a si mesmos. Por iso afrontan a volta á competición co soño de vencer nesta parada que se desenvolverá en Almansa. Os boirenses xa coñecen o seu camiño para loitar polo triunfo en Albacete. Están enmarcados no grupo B e veranse as caras co Bbll Center, Maresme e Ceuta 3×3.
Outro dos obxectivos que quere cumprir esta fin de semana o Groinn é arrebatarlle o terceiro posto da xeral ao Bball Centre, rival na fase de grupos. Agora mesmo os do Barbanza son cuartos ao ter 86 puntos, mentres que o conxunto valenciano e recente campión da liga conta con 88.
O pavillón polideportivo municipal de Almansa será o epicentro do 3×3 nacional ao ser a sede desta sétima xornada da liga onde se darán cita 14 equipos. Dende o sábado, que se inicia a competición, ata o domingo, cando se coñeza ao gañador, esta disciplina será protagonista.