Outes continúa sumido na incertidume política. Hai só unha semana que o concelleiro do PSOE José Antonio Caamaño abandonou o goberno local e asegurando o seu desexo de integrarse na oposición. Os seus motivos foron atopar lugar onde expresarse sen medo e coaccións e defender as necesidades dos seus veciños.
Agora, pasados sete días, acaba de presentar unha moción de censura xunto co PP de Outes. Todo isto sen o aval do PSOE provincial, dende onde aseguran esta decisión foi tomada de xeito individual e sen respaldo do partido. Afirman que será expulsado da corporación socialista.
O escrito da moción de censura conta coas firmas do líder popular Francisco Calo e do socialista Antonio Caamaño. O pleno deberá celebrarse o vindeiro 25 de febreiro ás doce.
O portavoz do PP de Outes asegura que a súa formación sempre estivo aberta ao diálogo, buscando sempre o mellor para os veciños. Sobre os contactos con Caamaño, afirman que todo foi moi rápido, apuntando que as conversacións entre ambos comezaron unha vez o socialista abandonou o goberno local.
Dende a formación popular aseveran que este era o mellor momento para presentar a moción, sinalando que a súa lista foi a máis votada nos comicios locais do 2023. din ter adquirido un compromiso cos veciños dende aquel momento, ao que sempre pretenderon chegar mediante acordos.
Como primeiras medidas do posible novo goberno outense están a elaboración dun novo orzamento para a vila, recompoñer a brigada de obras desmantelada ou retomar o diálogo con administracións superiores para atraer investimentos a Outes.
Por parte do executivo municipal, asegura o alcalde Manuel González que hoxe foi un día triste para Outes. Afirma que o edil socialista se move por intereses persoais, engadindo que non ten principios nin sabe o lugar que ocupa.
O rexedor manifesta ter a conciencia tranquila e sentirse orgulloso do traballo realizado ata o momento, agradecendo así aos veciños que lle deron a oportunidade de chegar a ser alcalde da súa vila.
Dende o BNG califican de traición por motivos persoais o movemento de Caamaño. O voceiro nacionalista Anxo Núñez afirma que o PP buscou o poder a calquera costa, apuntando que fixeron un acordo ás costas da veciñanza.

