A Dirección Xeral de Tráfico iniciou hoxe unha campaña especial de control e vixilancia do transporte escolar que se estenderá desde mañá que rematará o venres día 24. Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e as policías locais que se sumen á iniciativa comprobarán que autobuses e condutores cumpran coa normativa establecida que inclúe, entre outras obrigacións, a necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa debidamente cualificada nos desprazamentos.
Esta campaña ten unha especial transcendencia en Galicia debido á gran extensión de roteiros de transporte escolar existentes. Galicia é a comunidade española con máis liñas de transporte escolar, ata 3.800. Segundo os datos das autoridades educativas, en cada curso académico o servizo de transporte escolar acolle a máis de 90.000 alumnas e alumnos e diariamente se prestan 7.000 servizos.
Esta semana intensificaranse os controis preventivos, especialmente en estradas convencionais e en vías urbanas. O obxectivo é concienciar a pais, responsables educativos e condutores de autobuses da necesidade de cumprir as normas establecidas con respecto a este tipo de transporte. Tamén se realizarán controis administrativos sobre as autorizacións e documentos que deben ter os vehículos para a correcta prestación do servizo e se verificará que as condicións técnicas e elementos de seguridade son os que esixe a normativa.
Na campaña equivalente de control de transporte escolar realizada en xaneiro do ano pasado, os axentes do Sector de Tráfico da Garda Civil controlaron 324 autobuses escolares en Galicia, dos que 151 (o 46%) foron denunciados con 231 denuncias formuladas. As irregularidades administrativas son as que maior número de denuncias xeraron, máis de 100. Entre as causas destas infraccións administrativas, destacan non dispoñer da autorización especial para realizar transporte escolar ou non subscribir un seguro de responsabilidade ilimitada, tal e como esixe a lei.