O grupo 5 da Primeira Futgal ten novo líder logo da derrota do Valiño ante o Puebla no primeiro derbi do Barbanza. O partido comezou de cara para os pobrenses, que se adiantaron no minuto 18 cun gol de Eduardo Abeijón, e aumentaron as diferencias no 31 por medio de Pablo Ronquete. Os de Cabo de Cruz non baixaron os brazos e intres antes do descanso recortaron distancias cun tanto de Felipe Blanco. Aínda que o seguiron intentando, no 87 o Puebla sentenciou o partido e unha gran acción de Juan García puxo o 3 a 1 definitivo que apea ao Valiño do liderato para darllo aos seus veciños.
O equipo que ocupa a primeira posición é o Unión, con 15 puntos empatado co Puebla pero diante deles pola diferencia de goles. Os de Asados non fallaron na visita do San Martín ao campo de Vilas. Dúas veces se adiantaron os locais e dúas veces lles empataron o partido. Xa no minuto dous Iker Martínez anotaba o primeiro do partido, e no 17 o San Martín poñía as táboas. Co 1 a 1 foron os equipos a vestiarios, deixando o festival de goles para o segundo tempo. No 50 Manuel Quintáns poñía por diante ao Unión, e doce minutos despois chegaba a igualada dos visitantes. Ismael Cerqueiras atopou portería no 77 e Sergio Nieto foi quen sentenciou o encontro para darlle o liderato compartido do grupo ao Unión.
Coas tres primeiras posicións ocupadas por equipos do Barbanza, o Taragoña vive a cara amarga da temporada. Von dous puntos de quince posibles aínda non coñecen a vitoria e esta fin de semana sumaron outra derrota. Desprazáronse ata Sanxenxo para xogar ante o Unión Dena, que venceu cun tanto no minuto 78. os rianxeiros ocupan así a décimo sétima praza en postos de descenso.
No grupo 2 a Esteirana non foi quen de superar ao Fisterra a domicilio. Tardaron media hora en encaixar o primeiro gol, e aínda que foron ao descanso co 1 a 0, só pasaron 2 minutos do segundo tempo cando os locais anotaron o segundo tanto. Os de Esteiro recortaron distancias no 80 e, aínda que con esperanzas de empatar o partido, a SD Fisterra firmou no 92 o 3 a 1 definitivo. Os muradáns caen así á cuarta posición a tres puntos da promoción de ascenso.

