Deportes

XORNADA DE TROPEZOS NA PREFERENTE

Esta fin de semana disputouse a xornada 29 da Preferente onde os equipos da comarca non puideron sumar ningunha vitoria. O grupo Norte non ten moitos cambios xa que o Noia empatou co Residencia e volve a avantaxar en catro puntos ao segundo, o Boiro, que foi superado polo Sofán. O Cidade de Ribeira tropezou na súa visita ao Castro e volveu cunha derrota.

O Noia está un punto máis cerca do seu obxectivo: ser primeiro e ascender á Terceira RFEF. Esta fin de semana os brancos visitaron o fortín do Residencia e regresaron cun empate. O partido púxose de cara para o conxunto de Iván Carril moi cedo. No minuto 4 Marcos Piñeiro inaugurou o marcador para adiantar aos noieses, que tomaron o mando do xogo. O protagonismo era branco, pero xusto cando o árbitro ía pitar o fin do primeiro tempo, o conxunto local puxo as táboas. 1-1 que se mantivo no luminoso durante os restantes 45 minutos a pesar da insistencia do Noia para facerse coa vitoria. Un punto máis que suma o líder, que ten xa 59 e avantaxa en 4 ao segundo, o Boiro.

O equipo adestrado por Anxo Casalderrey non foi quen de puntuar na casa ante o Sofán, polo que se afasta do primeiro posto do grupo Norte. Os boirenses afrontaban o encontro coa posibilidade de asaltar o liderado, pero unha serie de erros e a falta de puntería truncou os plans. O Sofán practicou un fútbol defensivo que lle serviu para facer dos erros do rival a súa fortaleza. O Boiro dominou o coiro e comezou creando ocasións, pero no 21 chegou o primeiro mazazo para os do Barbanza xa que o Sofán aproveitou un pase atrás para roubar o esférico e poñerse por diante. Pouco máis de dez minutos despois os visitantes afondaron na ferida do Boiro para coller distancias, e no 39 o 0-3 poñíalle as cousas moi complicadas. Sen embargo no 43 os locais acurtaron distancias gracias a un tanto en propia polo que se chegou ao descanso co 1-3. Anxo Casalderrey introduciu trocos na segunda metade e o Boiro respondeu acurtando distancias no 65 co gol de Mario Prol. Os locais o seguiron intentando, monopolizando o xogo, pero sen éxito de cara ao gol. 2-3 final, derrota do Boiro que queda a catro puntos do liderado e conta con outros catro co terceiro, o Sigüeiro.

E o Cidade de Ribeira tampouco puido puntuar no seu encontro ante o Castro. O duelo púxose de cara para os branquiazuis moi cedo xa que o gol de Viturro no 7 deu ás aos ribeirenses. 0-1 que se mantivo ata a segunda metade. O Castro saltou con gañas ao verde para disputar os segundos 45 minutos e no 53 puxo o empate. No minuto 75 os locais déronlle a volta ao marcador e apenas 3 minutos despois a distancia xa era de dous tantos. O Cidade de Ribeira intentou meterse no partido novamente e ao fío do final, no 88, Yago Rivas fixo o 3-2. Sen embargo os intentos ribeirenses por empatar caeron en saco roto. O Cidade de Ribeira permanece no décimo lugar e ten un colchón de oito puntos co descenso.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.