A Pobra do Caramiñal foi a capital nacional do remo esta fin de semana ao celebrar o Campionato de España de bateis. Dous días nos que estas embarcacións tomaron o protagonismo e nos queCabo da Cruz deixou a súa pegada en forma de medallas. Os remeiros de Boiro seguen amosando a súa potencia como unha das grandes potencias nacionais logo de rematar o campionato con seis metais. O Puebla tamén xogou un importante papel e rozou o bronce no infantil masculino e no cadete feminino.
A mañá de onte acolleu as finais e comezou o día coas de consolación onde os pobrenses destacaron. Ao mediodía foi a quenda da disputa dos metais e no infantil feminino chegou a primeira alegría para Cabo, e por partida dobre. As crucesenses convertéronse en campioas de España e tamén foron terceiras cos dous equipos que disputaron a final. No apartado masculino o Puebla quedouse a décimas de celebrar o bronce logo de quedar cuartos. E no cadete feminino Cabo amosou novamente unha boa versión subíndose ao segundo chanzo do podio, mesmo resultado que obtiveron no cadete masculino. E na absoluta masculina Cabo da Cruz firmou o mellor tempo para colgarse o ouro logo de superar nunha intensa regata a Zierbena.