O CIDADE DE RIBEIRA XA É EQUIPO DE PREFERENTE. IMPÚXOSE AO NEGREIRA PARA CERTIFICAR O SEU ASCENSO DE CATEGORÍA CATRO XORNADAS ANTES DO FINAL

17042023 13 ASCENSO RIBEIR APREFERENTE
Ribeira segue celebrando o tan ansiado ascenso do Cidade de Ribeira. Os albicelestes certificaron onte, na xornada 30, a súa promoción cara a Preferente logo de vencer por 2-0 ao Negreira, o segundo clasificado e pechar de forma matemática o liderado do grupo Norte. Nesta xornada o Puebla empatou a uns contra o Dumbría e a Esteirana colleu osíxeno logo de vencer por 3-1 ao Mazaricos.

Os ribeirenses xogábanse moito nunha Fieiteira que se vestiu para a ocasión e que acolleu a preto de 1.000 afeccionados que viviron unha gran tarde de fútbol e a celebración do ascenso. A falta de catro xornadas o Cidade de Ribeira confirmou o seu ascenso logo de impoñerse ao Negreira. Comezou o encontro e ambos equipos medían as súas accións para non cometer erros polo que a primeira parte estivo igualada. O paso por vestiarios impulsou aos xogadores adestrados por Manuel Ángel Pena. Aguado foi o máis listo e roubou un balón que remataría no fondo das mallas visitantes tras unha boa parede, tanto que subiu ao marcador no 48 e que levantou aos afeccionados dos seus asentos. E no 61 Alberto Romero fixo o segundo da tarde para ampliar vantaxes e para comezar as celebracións nas gradas. O Negreira non inquietou a portería local, polo que o asubío final certificou o 2-0 para o Cidade de Ribeira e o seu ascenso matemático a Preferente a falta de catro xornadas por disputarse. Feito que celebraron os xogadores, o equipo técnico e os afeccionados sobre o céspede.

A Alta tamén acolleu esta xornada, aínda que o Puebla non puido facerse coa vitoria ni cos tres puntos necesarios para igualar ao Dumbría na táboa. Os pobrenses saíron ao céspede co obxectivo de conseguir o triunfo para loitar pola sétima posición, ocupada polo Dumbría. Tiñan as cousas claras e foron xerando ocasións, ata que no 36 Christian Esono adiantou os locais tras converter unha clara ocasión. Os primeiros 45 minutos remataron co 1-0 no marcador e tras o paso por vestiarios os dous equipos volvían a rondar as áreas rivais en busca do gol. O Dumbría non perdoou e no 69 puxo de novo as táboas no luminoso, igualdade que ningún dos equipos volveu a rachar. Polo tanto reparto de puntos e sen cambios na clasificación, xa que o Puebla segue oitavo con 52 puntos e o Dumbría sétimo con 55.

E a Esteirana volveu a gañar tras catro encontros sen coñecer a vitoria. Os de Esteiro colleron osíxeno a costa dun Mazaricos que non sae do descenso. O cadro dirixido por Juan Ramón Rey saltou ao Xosé Luis Vara coas ideas claras e o amosou sobre o verde. Á media hora de xogo os muradáns fixeron o primeiro gol da tarde, que levou a firma de Pablo Rama. Antes de chegar ao tempo de descanso Carlos Rama sumouse coa segunda diana da tarde, que subiu ao marcador no 39. Tras o paso por vestiarios o Mazaricos reaccionou e puxo o 2-1 no 48 no seu intento por empatar o partido. Sen embargo no 76 Brais Romero sentenciou o choque ao poñer o definitivo 3-1. Tres puntos importantes que suma a Esteirana no seu obxectivo de lograr a permanencia. Agora mesmo son décimo terceiros e deixan o descenso a oito puntos.

Salir de la versión móvil