Esta xornada 30 da Primeira Galega está marcada en vermello para o Cidade de Ribeira. Só quedan cinco partidos de liga, polo que se os ribeirenses vencen esta fin de semana ao Negreira confirmarán o seu ascenso á Preferente. O Puebla intentará facerse coa sétima posición, polo que terá que vencer ao Dumbría. E a Esteirana busca volver a sumar ante o Mazaricos para seguir afastándose do descenso.
O Cidade de Ribeira vivirá o seu primeiro match ball na súa procura por certificar o seu ascenso á Preferente. Esta fin de semana mídese ao Negreira, segundo clasificado, polo que se deixa os tres puntos na Fieiteira acadará de forma matemática o ascenso. Os ribeirenses chegan a esta importante xornada logo de gañar por 0-3 ao Mazaricos, mentres que o Negreira perdeu por 0-1 co Cordeiro. Agárdase un partido moi igualado xa que os visitantes intentarán pospoñer o máximo posible o alirón do Cidade de Ribeira. O esférico comezará a rodar sobre o verde do anexo da Fieiteira o domingo ás 18.45 horas.
O Puebla regresa ao seu fortín onde agarda facerse coa vitoria ante o Dumbría e asaltar así a sétima posición deste grupo Costa/Santiago da Primeira Galega. Os xogadores adestrados por Xesús Baleato chegan a este encontro coa moral alta logo de encadear dúas vitorias seguidas, a última ante o Vista Alegre. En fronte estará o Dumbría, que vén de perder contra o Flavia. O estadio da Alta vivirá este domingo un duelo directo polo sétimo posto, ocupado agora polo Dumbría. Se o Puebla gaña, eliminaría a barreira de tres puntos que o separan. O desenlace deste choque coñecerase a partir das 17.00 horas do domingo.
E a Esteirana quere seguir gañando para ampliar o seu colchón co descenso. Para iso enfrontarase cun rival directo pola permanencia: o Mazaricos, que marca o descenso ao ser décimo sexto e contar con 23 puntos. Os de Esteiro teñen cinco puntos de marxe cos mazaricáns e queren amplialos. Os muradáns chegan a este encontro despois de empatar a uns co Calo e o Mazaricos apañou unha derrota contra o Cidade de Ribeira. O Xosé Luis Vara acollerá este domingo a partir das 17.30 horas este encontro vital para os dous equipos.

