Barbanza

OS REIS MAGOS VISITARON A COMARCA ANIMANDO AOS MÁIS CATIVOS A PESAR DAS RESTRICIÓNS PAUTADAS POR MOR DA COVID

As maxestades de Oriente pasaron polos concellos da contorna o día antes de deixar os agasallos nos fogares. Sempre adaptándose e cumprindo as normas sanitarias, os reis variaron os seus habituais percorridos. En Porto do Son estiveron dende as 10 da mañá visitando todos os recunchos do municipio para achegarse aos nenos. Estiveron acompañados da ruada Fantasía Iluminada, que amenizou a súa chegada á avenida de Galicia.
Noia tamén contou coa presenza dos reis dende as 10 da mañá. A súa estadía no municipio comezou en Santa María de Roo e continuou por todas as parroquias do municipio. Pola tarde recibiron aos máis cativos.
Na Pobra as maxestades de Oriente percorreron numerosos puntos do municipio dende as 14.45 horas. Logo os cativos foron recibidos polos reis magos na praza alcalde segundo Durán.
Ribeira contou co Bus Real, que visitou todas as parroquias. Xa pola tarde 11 carrozas desfilaron dende o malecón ata o Paseo das Carolinas e os Reis Magos dedicaron unhas palabras aos asistentes á cabalgata.
Os reis magos estiveron en Boiro dende as 17.00 horas. A tradicional cabalgata adaptouse ás restricións polo que saíu de Lampón e fixo dúas paradas: unha na Boqueira da Negral e outra en Escarabote, onde as maxestades recibiron aos nenos.
En Lousame non houbo cabalgata, pero os reis magos recibiron aos máis cativos na Casa da Cultura, pola que pasaron 255 familias que reservaron cita previa para poder acudir.
As maxestades de Oriente estiveron tamén en Rianxo. Pola maña saíron de Isorna, pasaron por Leiro, pola Martela e na Atalaia. E pola tarde estiveron en Asados, Araño e Taragoña, rematando cun roteiro de Rianxo.
En Outes o pavillón municipal foi o escenario onde os reis magos estiveron recibindo aos máis pequenos durante todo o día.
Os reis magos tamén estiveron en Muros e recibiron aos máis cativos entre as 17 e as 19 horas na igrexa parroquial.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.