A realización de fogueiras en terreos particulares si está permitida pola lexislación vixente durante o día 23 de xuño. Polo tanto o Concello procederá á súa autorización e comunicará ao distrito forestal o seu número e situación. Dende o Concello quere lembrar que é obrigatorio respectar as condicións que se recollen no plan para a transición cara a unha nova normalidade, que recolle as medidas preventivas e de seguridade que se detallan a seguir, como respectar a distancia mínima interpersoal de 1,5 m.
Dende o concello recomendan que os grupos de persoas non superen as seis persoas en espazos pechados e as quince persoas en espazos abertos ao aire libre, agás que se trate de conviventes.
Pero tamén é necesario cumprir coa normativa que regula a prevención de incendios: Unicamente contarán con autorización aquelas fogueiras que teñan efectuada a comunicación ao Concello da Pobra do Caramiñal, presentada no rexistro do Concello, ou no rexistro electrónico desta entidade, antes das 12:00 horas do día 21 de xuño de 2021. Establécese o horario para o inicio da actividade ás 18:00 horas, e deberán quedar perfectamente apagadas antes das 3:00 horas do día seguinte. Queda prohibido realizar lume en solo rústico de protección forestal e de espazos naturais.
