A adxudicación das obras da depurador e colectores xerais en Ribeira pode formalizarse nas vindeiras semanas, despois de que o Consello da Xunta na súa reunión desta mañá autorizase a sinatura do convenio de colaboración entre a entidade pública empresarial Augas de Galicia e a sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España, SA (AcuaEs). Deste xeito, AcuaEs xa pode adxudicar as obras que previsiblemente se poderán iniciar a finais deste mesmo verán.
As obras serán financiadas nun 70 % do custo das actuacións por AcuaEs a través de fondos FEDER da Unión Europea, e a Xunta de Galicia cofinanciará a actuación con fondos propios a través de Augas de Galicia. O importe que establece a colaboración técnico- financeira autorizada hoxe é de 25 millóns de euros.
As obras do saneamento de Ribeira consisten na construción da nova estación depuradora, así como dos colectores interceptores que conducirán as verteduras ata esta nova infraestrutura. Con esta actuación darase servizo a unha poboación aproximada de 32.500 habitantes equivalentes, xa que permitirá a depuración das augas residuais do núcleo urbano de Ribeira, da poboación de Aguiño, e dos núcleos de Ameixida, Revolta e Castiñeras.
A estación depuradora de augas residuais ubicarase no polígono de Couso e realizará tratamento biolóxico mediante aireación prolongada prevista para un caudal máximo de tratamento de 1.238m3/h. A nova depuradora terá capacidade para tratar un caudal medio de 93 litros por segundo, é dicir máis de 8.000 metros cúbicos ao día, aínda que poderá asumir puntas de 279 litros por segundo. Na imaxe, planta xeral da EDAR de Ribeira.
http://youtu.be/lHGTSh-28xE