O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, sobre actuacións en materia de restauración hidrolóxico-forestal. O orzamento total do acordo é de 14,5 millóns de euros, dos que xa están comprometidos e orzamentados por parte da Xunta 7,5 millóns e pendentes, por parte do Goberno central, os restantes 7 millóns.
O convenio ten por obxecto concretar e impulsar a colaboración entre ambas as administracións para desenvolver novas actuacións en materia de restauración hidrolóxico-forestal en zonas afectadas polos incendios forestais ao longo dos últimos anos (entre o 2016 e o 2018) en Galicia, especialmente nas provincias de Pontevedra e Ourense.
Así, financiaranse diferentes traballos nun total de 11 distritos forestais das catro provincias galegas. Á Consellería do Medio Rural corresponderalle actuar nos distritos do Barbanza , A Fonsagrada-Ancares e Terra de Lemos, na de Lugo, e do Ribeiro-Arenteiro, Miño-Arnoia, Valdeorras-Trives, Verín-Viana e A Limia, na provincia de Ourense. Pola súa banda, ao Ministerio correspóndelle a provincia de Pontevedra, concretamente os distritos de Condado-Paradanta, Vigo-Baixo Miño e Caldas-Salnés.

