A obra para a mellora de rede de abastecemento de auga do Concello de Noia licitarase antes de que remate o ano. Así llo comunicou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, ao alcalde de Noia, Santiago Freire, no transcurso dunha reunión na que analizaron varios proxectos de interese para o concello en materia de abastecemento, saneamento e urbanismo.
Nestes momentos, tal e como lle explicou a conselleira ao rexedor, a redacción do proxecto está nunha fase moi avanzada polo que o seguinte paso será sacar a licitación a obra, algo que sucederá este mesmo ano. Isto significa que en 2018 daráselle un impulso definitivo a esta actuación, de vital importancia para o concello coruñés xa que permitirá resolver os episodios puntuais de turbidez detectados no servizo de abastecemento municipal.