Noia

O Coliseo Noela acolle mañá sábado, ás 20:00h, un concerto benéfico a prol da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva

A Coral Polifónica de Noia, en colaboración co Concello de Noia, organiza un concerto benéfico a prol da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (Asgpoh) que terá lugar mañá sábado 27 de xaneiro, ás 20:00 horas, no Coliseo Noela.

A entrada custará 5 euros e os fondos recadados serán doados á asociación lousamiá, que á súa vez os entregará ao equipo do doutor Federico Martino Torres, do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, para iniciar as investigacións sobre esta enfermidade ultrarrara.

No concerto participarán a soprano Esperanza Mara, o tenor Manuel González García, o Coro Infantil IES Virxe do Mar, a Coral Polifónica Liceo de Noia, a Banda Municipal de Música de Boiro e a Coral Polifónica de Noia, que vén de cumprir os 40 anos de actividade. A presidenta da Coral Polifónica de Noia, Dolores Rodríguez, agradece “a gran colaboración destes grupos nesta iniciativa benéfica” e salienta especialmente a participación de Esperanza Mara, reputada soprano que comezou a súa carreira musical na Coral noiesa.

Pola súa banda, o vicepresidente de Asgpoh, Eduardo Agraso, agradeceu a colaboración de todas as corais, bandas e solistas que participarán no concerto, “especialmente á Coral Polifónica de Noia por escoller á nosa asociación para doar eses fondos, que servirán para impulsar a investigación da heteroplasia ósea progresiva”.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.