Un condutor resultou ferido esta mañá tras envorcar a furgoneta que conducía ao paso da localidade de Dodro.
Nada mais recibir a alerta dun particular, sobre as 10:15 horas, o 112 Galicia pasou aviso a Urxencias Médicas e á Garda Civil de Tráfico. Ata punto tamén se achegaron os Bombeiros de Boiro, GES de Padrón, proteccion civil de Rianxo, policia local de Rianxo, unha ambulancia do 061 e o persoal do servizo de mantemento da estrada.
A causa do accidente foi preciso interromper a circulación nun carril da autovía, concretamente, ao redor do punto quilométrico 8.500, dirección Ribeira no tempo que durou o operativo.
Por outra banda, en Boiro, pasados uns minutos das 11:30 horas unha colisión entre dous turismos en Praia Xardín, á altura da Ponte de Escarabote deixaba unha muller ferida. Ata o punto achegáronse ademais dos técnicos sanitarios, a Policía Local e os efectivos de Protección Civil da localidade. Así mesmo, dende o 112 Galicia tamén se informou aos Bombeiros de Boiro
Sobre as 11:44 horas, en Muros colidían outros dous turismos que circulaban pola AC-550, en Esteiro. Neste caso, tamén unha persoa necesitou asistencia sanitaria. Nada mais recibir a alerta dun particular que indicaba, ademais, que un dos vehículos atravesaba a calzada, o 112 Galicia requiriu a intervención de Urxencias Médicas e a dos axentes de Tráfico e da Policía Local. De igual modo, informouse aos Bombeiros de Boiro e aos efectivos de Protección Civil e do GES de Muros. Tamén, se requiriu a intervención do servizo de mantemento da estrada.
