A Deputación da Coruña levará a doce concellos da provincia a exposición “Xigantes: Os petroleiros de Astano 1964-1982”, organizada cos fondos expositivos da Fundación Exponav de Ferrol.
Esta mostra itinerante responde ao compromiso expresado polo presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, durante a súa visita á sede de Exponav de “dar a coñecer máis alá de Ferrol a importancia que ten o Museo da Construción Naval, o máis importante de España no seu ámbito”, así como “recuperar os anos dourados dos asteleiros ferroláns, repasando a través de maquetas, paneis, pezas, documentos e material audiovisual, algúns dos grandes fitos da construción naval realizados en Astano entre 1964 e 1982”.
A itinerancia comezará o vindeiro 4 de xullo no concello de Laxe e percorrerá depois os concellos de Muxía, Ribeira, Muros, Corcubión, Negreira, Cariño, Oroso, Betanzos, Arteixo, As Pontes e Rianxo, onde rematará o ciclo en febreiro de 2018.
A exposición permitirá ao público coñecer en profundidade cómo foi o proceso de construción dos grandes buques petroleiros que forman parte da historia naval da comarca de Ferrol como o Al Andalus, Texaco, Arteaga, Carthagonova, Mónica María ou o Ocean Park. Xigantes de aceiro , algúns deles con máis de 300 metros de eslora, contruídos por encargo dalgunhas das principais compañías petroleiras de transporte marítimo do mundo no momento de maior esplendor da construción naval da nosa provincia, que convertiu á comarca ferrolana nun punto de referencia industrial do país.
https://www.youtube.com/watch?v=r6rqN5knguk