20.2 C
Chicago
18 septiembre, 2026
Image default

TRES TRIUNFOS, UN EMPATE E CATRO DERROTAS FORON O BALANCE DOS EQUIPOS DA COMARCA NA SÚA ESTREA NA SEGUNDA FUTGAL

Esta fin de semana deu comezo a Segunda Futgal e este ano conta coa participación de oito conxuntos da comarca enmarcados no grupo 1 Santiago. Non faltou o espectáculo sobre o verde nin a emoción nas gradas nunha intensa primeira xornada na que catro equipos quedaron sen puntuar.

Un dos partidos máis destacados foi o derbi do Xuventú Aguiño co Lesende, do que saíu o primeiro líder da liga: os lousamiáns. Os visitantes arrancaron con forma e no minuto 24 mandaban por 0-2 grazas aos goles de Alberto Rial por partida dobre. Na segunda metade ampliaron a súa renda co 0-3, obra que Alberto Seijas que subiu ao marcador no 58. o Aguiño acurtou distancias no 64 co tanto de Carlos Pérez, pero apenas 11 minutos despois Isaac Alcalde fixo o 1-4. Nos minutos finais os locais anotaron para facer o definitivo 2-4. O Lesende é o primeiro líder do grupo mentres que o Aguiño é décimo cuarto.

E no segundo lugar está o Porto do Son despois de impoñer a súa lei no derbi co Artes. Os sonenses adiantáronse no minuto 16 dende o punto de penalti co gol de Adrián Santos, e mantivo a súa mínima vantaxe na primeira metade. E xa no 52 duplicou a diferenza co 2-0, obra de José Manuel Martínez. O Artes reaccionou e seis minutos despois acurtaba distancias grazas ao gol de Lucas García, pero non puido igualar o marcador. E no 89 Adrián Santos anotou o 3-1 final. O Artes arranca a campaña décimo quinto co obxectivo de puntuar esta fin de semana ante o Cordeiro B.

O Taragoña iniciou a temporada vencendo con remontada incluída. O Urdilde adiantouse cedo, cando apenas se xogara o primeiro cuarto de hora de xogo. Os rianxeiros refixéronse e pouco a pouco foron creando ocasións aínda que o gol do empate chegaría na segunda metade, concretamente no 61 e levou a firma de Alberto Collazo. O Taragoña seguiu insistindo e veu premiado o seu esforzo co 2-1 que chegou no 71, tanto de Manuel González. Vitoria que deixa aos rianxeiros quintos.

O Valiño regresou á Segunda cun empate conseguido sobre a bucina na casa do Esclavitud. Os dous equipos anuláronse sobre o verde, mantendo o 0-0 durante 93 minutos, ata que os locais bateron a meta crucense. Parecía que os tres puntos quedaban en Padrón, pero o Valiño colocou de novo o empate no 95 co gol de Mateo Silva. Empate que deixa aos boirenses novenos.

E no décimo lugar está o Atlético Oleiros que perdeu pola mínima co Fátima. Os ribeirenses adiantáronse no 27 grazas ao gol de Diego Montaos, e os locais empataron no 41. Aos dez minutos de xogo da segunda metade o Fátima deu a volta ao marcador, pero no 68 respondeu o Oleiros co 2-2 de Thiaw. Pero nos últimos compases o conxunto local anotou para pechar a súa vitoria.

O Sporting Lampón tampouco puido puntuar ao caer pola mínima co Sar Extramundi. Os locais superaron a defensa boirense no 22, único tanto que se celebrou e que serviu para tumbar ao Lampón que arranca a campaña décimo terceiro.

Esta fin de semana disputarase a segunda xornada na que volverá a ver dous derbis: o Oleiros-Taragoña e o Valiño-Lesende.

Related posts

O CIRCUÍTO LUSO-GALAICO DE AUGAS ABERTAS VIVIRÁ ESTE DOMINGO A SÚA ÚLTIMA PROBA

CloudyX

CABO DA CRUZ XÓGASE ESTA FIN DE SEMANA O SEU ASCENSO Á EUSKOTREN LIGA

CloudyX

A EMF CONCELLO DE BOIRO CAEU POLA MÍNIMA CO FRIOL NA SÚA ESTREA NESTA CAMPAÑA

CloudyX