24.2 C
Chicago
9 septiembre, 2026
Image default

RESULTADOS DE TODAS AS CORES NO INICIO DA PRIMEIRA FUTGAL

A emoción da Primeira Futgal volveu aos campos de fútbol co regreso da competición. Os tres equipos da comarca que están na categoría enmárcanse no grupo 5 e só un deles, o Abanqueiro, puido debutar cos tres puntos no seu caseilleiro. O Cidade de Ribeira non se foi de baleiro ao regresar de Arcade cun punto, pero o Unión foi superado polo Cordeiro e arranca a campaña con derrota.

O Abanqueiro iniciou unha nova andadura na categoría cun trunfo de mérito. Os da Charca visitaron ao San Martín e foi o primeiro equipo da comarca en saltar ao terreo de xogo. Os boirenses fixeron borrón e conta nova para asaltar o campo do quinto clasificado na anterior campaña e arrancar con bo pé a 26-27. O conxunto adestrado por Javier Francisco Pouso tiña as ideas claras e foi o claro dominador do duelo. Deixaron patente a súa superioridade en forma de gol, obra de Raúl Millán no 27 para abrir a lata. E xusto antes do descanso, no 44, Óscar Alcalde duplicou a diferenza para o Abanqueiro. Na segunda metade igualáronse máis as forzas e o San Martín atopou o oco para acurtar diferenzas no 78, pero os visitantes mantiveron a dianteira e saíron do municipal de Vilaxoán con tres puntos que os deixan quintos na táboa.

O Cidade de Ribeira conseguiu un punto no seu regreso á Primeira Futgal despois de igualar forzas na casa do Arcade. De feito foron os locais os que levaron a iniciativa ao inicio do duelo, co tanto no minuto 5 que desestabilizou por un momento os ribeirenses. A idea de partido mudaba, pero non o obxectivo e os ribeirenses foron pouco a pouco recuperándose e collendo a iniciativa. O gol tardou, pero chegou para poñer as táboas nun encontro igualado tamén sobre o terreo de xogo. Felipe Blanco anotou o primeiro tanto branquiazul esta temporada no 57. O Cidade de Ribeira comezou a liga competindo ata o final e rescatando un punto que o coloca undécimo na táboa.

Este arranque non foi o agardado para o Unión que pinchou na súa estrea na casa dun rival da talla do Cordeiro. Os de Asados non atoparon claro o camiño cara o gol e tampouco puideron conter o ataque local. Os de Valga saíron con forza e a pesar duns primeiros minutos de equilibrio, foron facéndose co esférico e creando perigo ata que no 28 os locais adiantáronse, e 10 minutos despois anotaron o que sería o definitivo 2-0. O Unión comeza unha nova temporada do mesmo xeito que rematou a anterior: con derrota e malas sensacións. Son décimo sextos pero afrontan o seguinte duelo sabedores de ter unha ampla marxe de manobra.

Related posts

ÉXITO DO CAMPIONATO XUNTA DE GALICIA DE TRÍATLON QUE SE CELEBROU EN RIBEIRA

CloudyX

O BOIRO COMEZA A TEMPADA CON FORZA

CloudyX

NON FOI UNHA ESTREA IGUAL PARA OS EQUIPOS NA PREFERENTE FUTGAL

CloudyX