Hoxe Boiro levantouse con ganas de celebrar. En Bealo, a tradición manda cada 31 de agosto coa romaría de San Ramón, unha das festas máis arraigadas do municipio, que reúne cada ano familias e amigos para despedir o verán.
Dende primeira hora da mañá, milleiros de devotos achegáronse ata o santuario. As misas rezadas sucedéronse ao longo da xornada ata chegar a un dos momentos máis agardados: a misa solemne cantada en honra a San Ramón, seguida da tradicional procesión.

