Jealsa consolida o seu papel como un dos grandes referentes da industria conserveira galega e española e como un dos principais motores económicos do Barbanza.
As instalacións do Bodión xeran arredor de 1.200 empregos directos. No conxunto do grupo traballan 3.600 persoas e a empresa pechou o pasado ano cunha facturación récord.
Durante a visita da conselleira do Mar, Marta Villaverde, ás infraestruturas da compañía, resaltouse o apoio da Xunta á continuidade da actividade da conserveira no porto do Bodión. A ampliación excepcional da concesión permitirá a Jealsa manterse neste espazo ata xuño de 2067, achegando estabilidade para novos investimentos e para o emprego.
A empresa prevé destinar oito millóns de euros nos próximos anos á modernización das instalacións, con actuacións para mellorar a eficiencia enerxética e ampliar a capacidade industrial.
A Xunta salienta asía importancia de facilitar que empresas estratéxicas de cadea-mar industria manteñan e incrementen a súa actividade en Galicia, xerando investimento, emprego e riqueza no territorio.

