A operación, denominada LIGHTCALL e desenvolta polo equipo de Milladoiro da Comandancia da Coruña, puxo fin á actividade dun grupo dedicado a estafas telefónicas dirixidas a bares, restaurantes e cafeterías.
Os delincuentes recompilaban previamente información sobre os establecementos, como o seu enderezo ou compañía comercializadora da electricidade. Despois chamaban aos responsables dos negocios facéndose pasar por empregados da subministradora.
Durante a chamada aseguraban que existía unha suposta débeda pendente e ameazaban con cortar o subministro eléctrico de maneira inmediata se non se realizaba un pagamento urxente.
As chamadas producíanse, na maioría dos casos, durante as horas de maior actividade dos locais, coincidindo cos servizos de comidas, para aumentar a presión sobre as vítimas e dificultar que puidesen comprobar a veracidade da información.
Unha vez conseguían o primeiro ingreso, trataban de obter novos pagamentos alegando erros na transferencia ou a necesidade de repetir a operación.
A investigación permitiu esclarecer un total de oito estafas cometidas en establecementos de Boiro, Muros, Santa Comba, Padrón, Noia e Muxía.
Como resultado da operación, cinco persoas están a ser investigadas nas provincias de Almería, Cádiz, Girona e Málaga, ademais da localidade de Alxeciras, mentres que outro integrante do grupo foi detido en Vigo.
O importe total estafado ascende a case 11.000 euros, dos que a investigación conseguiu bloquear e recuperar 2.600 euros para as vítimas.

