Noa, Estrelada e Martiño son as primeiras integrantes de A volta das bestas, unha iniciativa da Fundación Montescola que acaba de botar a andar no Monte Veciñal en Man Común de Froxán, do Concello de Lousame.
As tres bestas pastarán nun recinto de oito hectáreas e media que forma parte dun gran cortalumes verde. O seu labor será sinxelo, pero clave: alimentarse da vexetación e reducir de forma natural a biomasa que pode actuar como combustible nos incendios forestais.
Ademais de contribuír á prevención dos lumes, o proxecto busca recuperar o papel dos grandes herbívoros nos ecosistemas atlánticos, favorecendo a conservación de hábitats como as turbeiras e os queirogais húmidos, reducindo a erosión do solo e mellorando a capacidade de almacenar carbono.
A Fundación Montescola pretende ampliar a grea ata os dez cabalos antes de que remate o verán. Para conseguilo puxo en marcha unha campaña de micromecenado que permite «amadriñar» unha besta cunha achega dun euro ao mes, destinada á compra, transporte e coidado dos animais.
O proxecto tamén pretende contribuír á recuperación dunha paisaxe tradicional da Serra do Barbanza, onde a diminución das greas de cabalos favoreceu o avance do mato e incrementou o risco de grandes incendios.

