A Liga Galega de Traiñeiras xa arrancou en todas as súas categorías. A Liga A iniciouse o 27 de xuño con triunfo de Salgado-Perillo e esta fin de semana foi a quenda de todas as clases.
A Liga A disputou a XII Bandeira Illa do Samertolameu Concello de Moaña na que houbo un claro dominador. Cabo da Cruz foi a mellor embarcación nas augas que bañan o porto de Meira e avantaxou ao seu perseguidor, o local Samertolameu, en 12 segundos. Pechou o podio Tirán. Esta regata mudou a clasificación xeral, dominada agora polos crucenses empatados a puntos por Samertolameu e Tirán queda terceiro.
A Liga B viviu a súa estrea na Pobra do Caramiñal ao estar en xogo a XXI Bandeira Concello da Pobra. Dúas embarcacións da comarca, Rianxo e Puebla, disputáronse o triunfo que finalmente foi para a traiñeira rianxeira. Os verdes terminaron sucumbindo ao final e entraron tan só oito segundos por detrás de Rianxo. Salgado-Perillo finalizou terceiro, Cabo da Cruz B cuarto e Riveira quinto. Mesma clasificación que se pode ver na xeral.
E a Liga F arrancou con dobre xornada. O sábado remaron pola III Bandeira Feminina Concello da Pobra onde as embarcacións da comarca quedáronse lonxe dos primeiros postos. Salgado-Perillo confirmou a súa superioridade ondeando a bandeira ao superar por nove segundos a Chapela, mentres que Amegrove foi terceira. Cabo finalizou quinta, Rianxo sexta e Esteirana sétima. E o domingo disputaron a I Bandeira Feminina de Esteiro. Salgado-Perillo non fallou e rematou de novo primeira, aínda que só a seis segundos de Chapela-Wofco. E Amegrove repetiu no terceiro lugar. Cabo tamén foi quinta, Esteirana sexta e Rianxo última.

