O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe investimentos por importe de máis de 2,8 millóns de euros para a mellora de diversas estradas na provincia.
Os proxectos aprobados hoxe inclúense na primeira fase do Plan de Investimentos en Vías Provinciais 2017 e executaranse nos concellos de Bergondo, Culleredo, Toques, Melide e Boiro
Entre as distintas actuacións aprobadas hoxe, o pleno deu luz verde ao proxecto de ampliación e mellora da estrada provincial DP 1102 que une os núcleos de Cespón e Vidres (Boiro). Estas obras contan cun orzamento de 782.718,48 euros, aos que hai que sumar os 142.266,73 que se reservan para as expropiacións necesarias para a execución dos traballos. Os pasados días 27, 28 e 29 de marzo, a Deputación citou na Casa dos Veciños de Cespón aos 208 titulares dos terreos afectados para realizar os trámites de expropiación.
As obras consistirán na mellora e ampliación da sección da calzada no tramo de 1,7 quilómetros , dotándoa de carrís de 3 metros, fronte aos 2,5 m. actuais, e con beiravías de 1 metro de ancho. Tamén se inclúe no proxecto unha mellora do trazado, suavizando algunhas curvas existentes, o que axudará a dar maior fluidez e seguridade ao tráfico.
Tamén se inclúe a mellora dos enlaces existentes , a construción de varios muros de contención de formigón e escollera e a prolongación do sistema de drenaxe transversal existente, así como a urbanización do tramo con saneamento, iluminación e mellora da sinalización vertical e horizontal.
Para garantir a seguridade do tráfico durante a execución das obras, estas realizaranse primeiro nun sentido e posteriormente no outro, permitindo así manter en servizo un dos dous carrís de circulación en todo momento.
Os traballos terán un prazo de execución de 10 meses a partir do seu inicio
https://www.youtube.com/watch?v=mM9aXiqAfUU