A Consellería do Mar investirá 28.000 euros na mellora do peirao vello do porto de Muros. Así o comunicou o presidente do ente público José Juan Durán, aos representantes municipais e do sector portuario nunha visita á zona. As obras que se iniciarán no mes de abril consisten no encintado do peirao para reforzo da súa estabilidade. Concretamente actuarase sobre 30 metros do morro do espigón e 45 do peirao leste, así como en 35 metros da dársena náutica. Así mesmo incluirase a reparación de escalas e a adecuación do pavimento na explanada dos departamentos para mellorar así a accesibilidade a eles. O prazo de execución das obras estímase de mes e medio.
Durante a súa visita, o presidente de Portos reuniuse tamén cos representantes da asociación Mar de Muros para abordar a súa proposta de habilitación de 6 prazas de amarre para embarcacións tradicionais. O ente público está a tramitar a solicitude que beneficiará á citada asociación así como a Canle de Lira e Ostreira.
