Preto de 700 persoas participaron nunha festa que se prolongou desde as seis da tarde ata ben entrada a noite no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra.
As novidades introducidas este ano, como o adianto ao sábado, a recuperación do Desfile de Disfraces e o sorteo de vales en material deportivo, foron clave para atraer a tanta veciñanza.
A tarde comezou coa actuación do artista infantil Pakolas, que presentou o espectáculo “A Ramona pequena vai á lúa” e fixo cantar e bailar á rapazada durante máis dunha hora. Ao remate, foi o encargado de lanzar o foguete simbólico que deu paso á apertura dos inchables e á degustación gratuíta de filloas e orellas, elaboradas por cinco cociñeiras de Lousame.
Un dos momentos máis agardados foi o Desfile de Disfraces, presentado polo mago Charly Braun, no que participaron case 90 persoas. Ao remate, o alcalde e a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, entregaron tres vales por importe de 300, 200 e 100 euros en material deportivo, sorteados entre as persoas participantes.
Un Festival de Entroido que confirma o tirón das propostas familiares en Lousame e que deixa imaxes dun pavillón ateigado, disfraces, música e tradición nunha celebración que xa é unha cita imprescindible no calendario festivo do municipio.

