Os veciños da Ribeiriña, no Concello da Pobra do Caramiñal, volven denunciar un novo vertido de hidrocarburos nas augas da ría.
Preocupados pola situación, os veciños alertaron ao 112, que mobilizou á Garda Civil de Boiro e ao Servizo de Gardacostas. Tras isto, os profesionais procederon a dispersar os restos e os servizos de emerxencia agradeceron a rápida chamada da veciñanza.
Trátase dun episodio que, segundo indican, xa se repetiu noutras ocasións e que podería ter a súa orixe nas filtracións procedentes dos terreos da antiga nave da Onza de Ouro.
Tras os traballos de rexeneración realizados na zona, varios depósitos de combustible en mal estado terían quedado soterrados, provocando que, con episodios de mal tempo e forte ondada, os hidrocarburos se filtren directamente ao mar. No lugar podían verse claramente manchas de combustible flotando na auga.
Os residentes lembran que episodios similares obrigaron no pasado ao peche de varios bancos marisqueiros e reclaman unha solución definitiva por parte das administracións para evitar novos danos ambientais. Polo de agora, non teñen previstas mobilizacións, pero permanecen á espera de que se a
dopten medidas que poñan fin a este problema recorrente.

