O paseo dos Areos permanece pechado ao paso de viandantes desde fai uns días. A Policía Local e Protección Civil ampliaron o valado nun tramo de arredor de 300 metros, situado entre o cruzamento coa rúa Luís Seoane e Venecia.
A decisión adoptouse despois dunha inspección realizada polo arquitecto municipal, que confirmou que os danos son máis graves do que se pensaba inicialmente. Algunhas lousas están levantadas e parte da estrutura podería estar suspendida no aire, o que supón un serio risco de colapso.
Segundo o Concello, o problema podería estar provocado pola filtración da auga do mar baixo o paseo, que foi erosionando o terreo coa acción das mareas.

