Cinco anos despois da última edición, o magosto volveu converterse nunha festa de convivencia e solidariedade. As persoas asistentes achegaron produtos de limpeza e hixiene persoal como entrada simbólica ao evento, unha doazón que irá destinada á Cruz Vermella de Noia.
Como agradecemento, o Concello repartiu vales por castañas, choripáns e chocolate con churros para os máis pequenos.
A música do grupo local O Son do Pote puxo o ritmo a unha tarde chea de bo ambiente, onde non faltaron xogos para os máis pequenos e castañas para todos.
O evento contou tamén coa presenza de representantes da Cruz Vermella e varios membros da corporación municipal.
O Departamento de Cultura xa prepara a próxima cita: o contacontos “O lobo feliz”, unha actividade para nenos e nenas de 3 a 8 anos que terá lugar o venres 14 de novembro na Casa da Cultura.

