25.1 C
Chicago
16 septiembre, 2026

Feijóo destaca o valor histórico dos máis de 600 libros do fondo documental do Banco Gallego, á disposición dos galegos no Arquivo de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mediodía o valor histórico e cultural dos máis de 600 libros do fondo documental do Banco Gallego que, desde hoxe, estarán á disposición de todos os galegos no Arquivo de Galicia.
Durante o acto de entrega do fondo por parte da Fundación Banco Sabadell, Feijóo salientou que entre os exemplares custodiados no Arquivo de Galicia figuran todo tipo de documentación de bolsa, de factura, de billetes, de caixa ou de negociados, e tamén as copias das cartas do Banco Gallego, nas que se recolle a cultura de comunicación e de relación da empresa.
Ao respecto, aseverou que, a través da súa pegada, se poderá coñecer o papel que desenvolveu a banca na vida dos galegos desde 1760 ata o inicio do século XX, desde todos os puntos de vista.
Logo de precisar que o préstamo en comodato que hoxe se recibe non supón un cambio na propiedade dos documentos, pero si unha universalización no seu acceso, o responsable do Goberno galego trasladou o desexo de que os case 3000 libros que constitúen o arquivo histórico do Banco Gallego acaben repousando no Arquivo de Galicia, e constituír así unha das coleccións estrela albergadas pola Cidade da Cultura.