15 agosto, 2026
Image default

A GARDA CIVIL DETÉN A DOUS HOMES NA CORUÑA POR SUPLANTACIÓN DE IDENTIDADE, ACOSO, AMEAZAS E INCENDIOS FORESTAIS

A Garda Civil do posto de Muros investiga a un veciño de Gondomar como presunto autor de tres delitos: un de suplantación de identidade, outro de acoso e un terceiro de ameazas.
Segundo informou o corpo, os feitos comezaron despois de que a vítima denunciase ser obxecto de hostigamento e ameazas a través de medios telemáticos.
A muller coñecera ao investigado nunha coñecida rede social e, tras rexeitar manter unha relación con el, comezou a recibir chamadas e mensaxes insistentes. O home, lonxe de desistir, chegou a realizar múltiples pedidos de comida a nome da vítima, tanto en locais de Galicia como doutras comunidades, utilizando un número oculto. Os pedidos nunca foron recollidos nin abonados.

Tras unha exhaustiva investigación, os axentes lograron identificar ao presunto autor e abríronlle dilixencias como investigado polos tres delitos mencionados.
Tamén, a Garda Civil de Noia detivo a un veciño de Boiro como presunto autor de dous delitos de incendio forestal.
Os feitos remóntanse aos días 17 e 18 de agosto, cando se rexistraron dous lumes nos lugares de Mieites e Bermo. As investigacións determinaron que ambos incendios foran provocados intencionadamente, nun momento de alto risco pola seca e as condicións meteorolóxicas.
Durante a inspección do vehículo supostamente utilizado, os axentes atoparon oito mecheiros. Con esa información, a Garda Civil procedeu á detención do sospeitoso.
Dende o corpo, lembran que os incendios forestais non só destrúen a natureza, senón que tamén poñen en perigo vidas e propiedades. Por iso, fan un chamamento á cidadanía para colaborar na protección dos montes e denunciar calquera actividade sospeitosa a través do teléfono 062.

Related posts

A CONCILIACIÓN CENTRA O TRABALLO DOS SERVIZOS SOCIAIS DE MUROS

CloudyX

MUROS MANTÉN O RITMO DE TRABALLO COA ADXUDICACIÓN DE DIFERENTES OBRAS

CloudyX

MUROS ESTÁ A VIVIR UN XULLO CON MOITA ACTIVIDADE E TURISMO

CloudyX