Desde este luns, preto de 215.000 nenos e nenas galegos, de entre 6 meses e 11 anos, están chamados a vacinarse contra a gripe. A campaña desenvolverase nos centros de saúde, pero tamén, por primeira vez, directamente en colexios grazas a un programa piloto posto en marcha pola Consellería de Sanidade en colaboración coa de Educación.
En total, 55 centros educativos foron seleccionados nas sete áreas sanitarias para participar nesta experiencia pioneira, que permitirá vacinar con spray nasal, sen pinchazo, a case 19.000 escolares de entre 3 e 11 anos.
As familias deben asinar un consentimento informado, e os equipos de enfermaría recollen tamén datos médicos relevantes antes de aplicar a vacina. O obxectivo da Xunta é acadar unha cobertura do 70% entre os alumnos e alumnas nacidos entre 2014 e 2022.
Segundo os resultados deste piloto, valorarase a posibilidade de estender o modelo ao resto de centros escolares nas vindeiras campañas.
Esta mesma xornada comeza tamén a vacinación das persoas inmobilizadas e os seus coidadores, mentres que a partir do 20 de outubro será a quenda das persoas maiores de 70 anos, persoal sanitario e persoas inmunodeprimidas.

