O salón de plenos do concello de Noia acolleu na tarde de onte a sesión de organización do novo executivo. O debate estivo servido e como ocorre dende a moción de censura, as matemáticas e a economía protagonizaron os intercambios de pareceres entre o actual goberno e o anterior. De feito un dos puntos en aprobarse foron as dedicacións que terá o executivo. A proposta incluía tres soldos a xornada completa: o do alcalde, Francisco Pérez, de 42.000 euros anuais, o do tenente de alcalde, Manuel Seijas, de 39.000, e da concelleira Sandra González, de 30.000. Mentres que o responsable de Servizos Municipais, Abel Pan, terá unha dedicación parcial ao 50% e percibirá 15.000 euros. Un total de 126.000 euros que non foi ben visto por todos os grupos.

