A Liga Galega de traíñas entra nunha fase decisiva da tempada con tres categorías en acción e catro regatas programadas para esta fin de semana. Oleiros, O Grove e Moaña serán os puntos centrais onde se medirán forzas os principais clubs de remo galegos.
A actividade comezará o sábado pola tarde no Parque de Nirvana, en Oleiros, onde se disputarán dúas probas. Ás 16:00 horas terá lugar a XXIV Bandeira Concello de Oleiros, correspondente á xornada da Liga B. Un momento decisivo para o Club de Remo Puebla, que loita por unha primeira posición contra A Cabana Ferrol, líder actual da categoría.
Media hora máis tarde, ás 16:30 horas, será a quenda da Liga F coa disputa da X Bandeira Concello de Oleiros. As traíñas de Chapela e Tirán, que lideran a clasificación, buscarán consolidar as súas posicións fornte a rivais como Cabo de Cruz ou Rianxo, que seguen loitando por meterse no top 5 da xeral.
O domingo a competición trasladarase a outras dúas localizacións. Ás 11:30 horas, o porto de Pedras Negras, en San Vicente do Mar, acollerá a I Bandeira Feminina Concello de O Grove, segunda regata do fin de semana para as embarcacións femininas.
Por último, ás 12:00 da mañá do domingo, disputarase a XI Bandeira Illa do Samertolameu Concello de Moaña, correspondente á quinta xornada da Liga A. Esta proba terá lugar no porto de Meira, cunha Chapela invicta que segue dominando a xeral, mentres Cabo de Cruz buscará escalar posicións e abandonar o último posto.

