A Federación Española de Fútbol vén de desvelar o calendario da Primeira División de Fútbol Sala para a próxima temporada 25/26. O Noia Portus Apostoli xa coñece o seu camiño na que será a súa cuarta campaña na elite do futsal nacional que comeza nunha data máis habitual.
O curso iníciase a fin de semana do 6 e 7 de setembro e os noieses inaugurarán a tempada na pista do Quesos El Hidalgo Manzanares. E poucos días despois vivirase a primeira xornada intersemanal na que os brancos se estrearán no Agustín Mourís. Será o 9 ou 10 de setembro e recibirán a visita de Jaén Paraíso Interior, polo que se vivirá o regreso de Power Raggiati defendendo outras cores.
A primeira volta rematará medíndose aos equipos ascendidos. A fin de semana do 13 e 14 de decembro o Noia visitará ao Real Betis Futsal e o 27 ou 28 dese mesmo mes disputarase no Mourís o primeiro derbi galego co Parrulo Ferrol. Mentres que o derbi da volta será na antepenúltima xornada xa que o calendario é asimétrico e vivirase o 2 ou o 3 de maio.
O Portus Apostoli despedirase da súa afección como local o 9 ou 10 de maio medíndose ao Palma Futsal. E pechará a campaña novamente no Jorge Garbajosa enfrontándose ao Movistar Inter, encontro que se disputará o 16 ou 17 de maio.
O Mourís vivirá varias visitas destacadas. A finais de setembro regresa Marlon Velasco, agora ao fronte do Viña albali Valdepeñas. E o Barça aterrará en Noia a comezos de decembro.
A disputa da Eurocopa obrigará a deter a competición durante un mes, entre o 10 de xaneiro e o 14 ou 15 de febreiro. A Supercopa disputarase a comezos de xaneiro e a Copa de España en marzo. Mentres que a Copa do Rei coñecerá ao seu vencedor despois da última xornada ligueira e o playoff pola Liga xogarase a partir do 29 de maio.