Se a primeira parada da Xunta de Galicia na celebración dos Consellos foi en Noia, hoxe foi o turno de Ferrol. Dende a cidade naval Alfonso Rueda reuniu ao seu equipo de goberno para anunciar importantes investimentos na urbe en materia de urbanismo, educación ou sanidade.
Unha das máis importantes son os 12 millóns de euros destinados á rehabilitación urbana da cidade. A Xunta achega o 75 por cento do total, uns 9 millóns de euros, e o Concello de Ferrol os 3 restantes.
O proxecto céntrase en tres áreas de intervención: adquisición de edificios e solo para transformalos en infraestruturas sociais, sanitarias e culturais; rehabilitación de edificios emblemáticos, e reurbanización de rúas, prazas ou accesos.