Pobra Do Caramiñal

NOVAS DETENCIÓNS NA POBRA DO CARAMIÑAL

A Garda Civil de Boiro, no marco da Operación Barvases, vén de deter unha parella da Pobra do Caramiñal como presuntos autores de delitos de usurpación de identidade e de estafa bancaria. Os detidos, de 35 e 37 anos, contan con antecedentes penais e múltiples delitos semellantes aos que se lles imputa agora.

As actuacións policiais comezaron logo de recibir varias denuncias reportando a usurpación da súa identidade e a contratación fraudulenta de servizos de telecomunicacións ao seu nome con diferentes compañías. Algunhas vítimas descubriron cargos indebidos nas contas bancarias, e nalgúns casos foron incluídas en rexistros de morosidade por mor das débedas xeradas con eses contratos.

A investigación revelou que as direccións de instalación e entrega dos dispositivos asociados aos servizos contratados se localizaban na comarca do Barbanza, e especialmente na Pobra. Descubriuse así que os detidos obtían datos persoais e documentación das vítimas mediante enganos e furtos. Despois usaban a información para contratar case medio cento de liñas telefónicas, servizos de internet e televisión, prexudicando a identidad de polo menos 21 persoas.

A parella xa foi posta a disposición do Xulgado de Primeira Instancia Número 3 de Ribeira xunto coas dilixencias correspondentes. A investigación segue aberta e non se descarta a aparición de novas vítimas.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.