O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña homologa o Plan de Reestruturación de Actemsa con efectos inmediatos. A empresa poderá así garantizar o mantemento da actividade e da totalidade dos postos de traballo, máis de 250 directos e 400 indirectos.
Este plan consiste na reestruturación financeira total da compañía presidida por Severino Escurís, un restablecemento do equilibrio entre o capital e o patrimonio neto da sociedade, a transformación de Actemsa en sociedade de responsabilidae limitada e a futura fusión con Brisiña, o que suporá o control desta compañía reforzando o negocio e patrimonio.
Actemsa supera así a crise ocasionada polo afundimento dos mercados pesqueiros, o que significou a caída de moitos operadores globais.
A dirección da empresa destaca a aposta polo plan en clave de futuro, para blindar e ampliar o emprego, asegurando que haberá máis traballadores polas necesidades de produción.

