O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a primeira orde de axudas a organizacións de produtores pesqueiros para a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización. A elas a Consellería do Mar destina 1,6 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).
Esta orde responde ao que establece a Política Común de Pesca e ao fondo financeiro aparellado a ela, o FEMP, que comezou a implantarse de xeito efectivo este ano. Así, o regulamento europeo polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura sinala que as organizacións de produtores pesqueiros teñen a obriga de presentar os plans de produción e comercialización dende o ano 2014. Ademais a normativa europea sobre o FEMP sinala que estes plans serán subvencionables dende o ano 2014.
De aí que as axudas que se convocan sexan para os plans de produción e comercialización correspondentes aos anos 2014 e 2015. Poderán beneficiarse delas as organizacións de produtores pesqueiros e as asociacións de organizacións de produtores de Galicia inscritas no Registro de Organizaciones de Productores Pesqueros y Asociaciones de Organizaciones de Productores.
Son obxecto de subvención os investimentos relativos á preparación e desenvolvemento dos plans e ás actuacións iniciadas dende o 1 de xaneiro de 2014 como gastos de persoal, de material e de equipamento.
Os interesados en solicitar as axudas para a preparación e aplicación dos plans poden consultar os requisitos e a documentación necesarios para solicitar a axuda na orde que publica hoxe o DOG. Para esta convocatoria o prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir de mañá. A presentación das solicitudes realizarase por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.
As organizacións de produtores
O novo marco normativo europeo reforza as actividades das organizacións profesionais da pesca e da acuicultura e facilita a axuda financeira necesaria para que poidan desempeñar un cometido máis importante na xestión da pesca, exercendo as súas actividades pesqueiras e da acuicultura de forma sustentable e mellorando a comercialización dos produtos.
Os seus plans de produción e comercialización inclúen, entre outros aspectos, o programa de produción para as especies capturadas ou criadas, a estratexia para adaptar a cantidade, calidade e presentación da oferta ás esixencias do mercado e medidas preventivas especiais de adaptación da oferta para as especies que presentan dificultades de comercialización durante o ano.