Icono del sitio CanalBarbanza.com

OS NENOS E NENAS DO CEIP PLURILINGÜE DE OUTES PLANTARON DUCIAS DE ÁRBORES E ARBUSTOS NO SEU PATIO ESCOLAR

O concello de Outes forma parte do proxecto ReNatur Outes, unha iniciativa para recuperar o bosque de ribeira, controlar as especies exóticas invasoras como as distintas especies de acacias, limpar de residuos a contorna fluvial e sensibilizar ambientalmente mediante accións de voluntariado, formativas e divulgativas. Así pretenden fomentar a participación da cidadanía en distintas sesións mentres dure o proxecto. Mais non só iso, senón xerar un compromiso social que vaia máis alá da propia vida desta iniciativa.
Cartel de YouTube
Dentro deste proxecto os nenos e nenas do CEIP Plurilingüe de Outes, participaron cunha acción de reforestación no seu patio escolar, o cal colinda co río Tins. Os escolares plantaron ducias de freixos, ameneiros, pradairos, sabugueiros, bidueiros e érvedos. Con esta actividade non só aprenderon sobre plantación e o pasaron ben, senón que contribuíron á renaturización da contorna e á creación dun espazo máis acolledor para a biodiversidade e as próximas xeracións de nenos e nenas.

ReNatur Outes conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas, a fundación Montescola e o Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal. O cal pretende plantar arredor de 300 árbores novas e 200 arbustos ao longo do treito urbano do río Tins na Serra de Outes.

Salir de la versión móvil