NOVA XORNADA DA PREFERENTE

A xornada 23 da Preferente deixará varios partidos de alto voltaxe protagonizados por equipos da comarca. O Noia, líder en solitario, intentará ampliar a súa renda impoñendo a súa lei ante o Sigüeiro. O Boiro irá a pola vitoria no seu duelo ante o terceiro clasificado, o San Tirso. Mentres que o Cidade de Ribeira quere encadear a súa terceira vitoria seguida na casa do Sofán.
23022024 14 PREVIA PREFERENTE X23
O Noia defenderá a súa condición de líder en solitario do grupo Norte no Campo de Fútbol Lino Balado. Os noieses mídense ante un Sigüeiro que está a realizar unha moi boa campaña, proba diso está no sexto lugar que ocupa, e precisan gañar para, mínimo, manter a súa renda de catro puntos co segundo, o Boiro. O conxunto adestrado por Iván Carril vén de vencer por 2-1 ao Galicia Mugardos, mentres que o Sigüeiro sumou tres importantes puntos na súa visita ao Victoria CF. Este domingo ás 17.00 horas o esférico comezará a rodar no duelo no que o Sigüeiro e o Noia se verán as caras sobre o verde do Lino Balado.

O Boiro buscará volver á senda da vitoria co apoio da súa afección e nun encontro moi relevante xa que no outro lado do campo estará o San Tirso, terceiro clasificado. Os boirenses precisan gañar para non descolgarse do Noia e para deixar atrás a un rival directo polo ascenso á Terceira Federación. E tamén queren deixar atrás o pinchazo da pasada xornada onde empataron a ceros na casa do Dubra. O San Tirso chega nun bo momento xa que venceu por 3-1 ao Eume Deportivo. Barraña abrirá as súas portas para albergar este duelo que se disputará o domingo a partir das 17.15 horas.

E o Cidade de Ribeira loitará sobre o verde para prolongar a súa boa racha de resultados e enlazar a terceira vitoria consecutiva. Os branquiazuis afrontan esta xornada dende o noveno lugar a seis puntos do descenso e para manter ou ampliar a súa renda deben puntuar esta fin de semana no sue encontro ante o Sofán, oitavo clasificado. O conxunto adestrado por Manuel Ángel Pena chega a esta xornada en dinámica positiva despois de gañar pola mínima ao cuarto clasificado, o Montañeros, nun encontro moi serio. Nesta ocasión enfronte estará o Sofán, que defenderá o seu feudo, e vén de empatar a uns con As Pontes. O Carral acolle este domingo o duelo entre o Sofán e o Cidade de Ribeira, partido que comezará ás 16.30 horas.

Salir de la versión móvil