DERBI DE ALTURA NA PRIMEIRA GALICIA. O UNIÓN E O PUEBLA MIDEN AS SÚAS FORZAS NUN DUELO QUE PODE MARCAR A CLASIFICACIÓN

Protagonismo barbanzán nesta nova xornada da Primeira Galicia. No grupo Costa/Santiago as miradas estarán postas no derbi no que se miden o Unión e o Puebla, que pode ser clave para os postos de promoción do ascenso. A Esteirana desprázase ata o estadio do Tordoia para seguir sumando e o Valiño buscará a máis difícil: puntuar a domicilio no sue duelo co líder, o Negreira.

O domingo dous equipos da comarca, que están nos primeiros postos do grupo, veranse as caras na vixésimo terceira xornada da competición. O Unión, cuarto a tres puntos do terceiro lugar, recibe a visita do segundo clasificado, o Puebla. Ningún pode permitirse pinchar se quere achegarse nesta fin de semana aos seus obxectivos. Os vermellos precisan gañar para asaltar postos de promoción de ascenso, mentres que os pobrenses teñen que sumar de tres para manterse segundos na persecución do Negreira. Os rianxeiros veñen de empatar a dous no derbi comarcal ante a Esteirana mentres que o Puebla impúxose por 6-0 ao Cruces. O derbi barbanzán entre Unión e Puebla vivirase este domingo a partir das 17.00 horas no municipal de Vilas.

A Esteirana afronta esta xornada coa intención de seguir sumando e de afianzarse na zona media da táboa xa que agora mesmo é oitava. Esta fin de semana teñen un reto por diante xa que visitan o campo do sexto clasificado, o Tordoia. Os muradáns chegan a este encontro encadeando tres partidos nos que se fixeron con puntos e queren prolongar esta xeira ante o Tordoia. O seu rival tamén empatou no seu anterior encontro no que non pasou do 1-1 co Bertamiráns. O duelo entre o Tordoia e a Esteirana terá lugar o domingo no Manuel Juncal ás 16.15 horas.

E o Valiño afronta unha das saídas máis difíciles da campaña: a visita ao municipal Jesús García Calvo, feudo do líder o Negreira. Os de Cabo de Cruz chegan a esta xornada no duodécimo posto e a tres puntos do descenso, e queren sumar no seu partido desta fin de semana para coller un pouco de osíxeno logo de empatar na pasada xornada ante o Calo. Non o terán doado xa que visitan o fortín do Negreira, líder en solitario que se impuxo por 0-7 ao Praíña e que avantaxa en seis puntos ao Puebla, segundo. O encontro no que o Negreira e o Valiño se verán as caras dispútase este domingo ás 17.30 no verde do municipal Jesús García Calvo.

Salir de la versión móvil