OS BATEIS TOMAN O PROTAGONISMO COA LIGA NORTE. PUEBLA E CABO DE CRUZ ONDEARON ESTA FIN DE SEMANA A BANDEIRA MUROS DE SAN PEDRO

O mes de febreiro trae consigo o inicio dunha nova competición fixada no calendario: a Liga de Bateis. Os equipos da comarca compiten na zona norte e esta fin de semana desprazáronse ata Mugardos e ata terras muradás para disputar unha dobre xornada. Había en xogo dúas bandeiras: a do Concello de Mugardos e a I Bandeira de Bateis Muros de San Pedro.

A fin de semana de competición foi positiva para as embarcacións da comarca. En Mugardos o Club Remo Puebla quedou segundo na categoría absoluta masculina e fixo podio en outras categorías como no xuvenil masculino que foi o campión, segundos quedaron en cadete masculino e terceiros en infantil feminino. Cabo da Cruz tamén deixou a súa pegada tanto no apartado masculino como no feminino, ocupando as tres primeiras posicións en moitas delas.

E para rematar a dobre xornada, o Club Remo Puebla ondeou a Bandeira Muros de San Pedro xa que na categoría masculina conseguiu as vitorias globais. E no apartado feminino foi Cabo de Cruz quen subiu ao máis alto do podio de Muros para facerse coa bandeira. Por categorías o club crucense levouse seis vitorias, o Puebla tres, e Esteirana, Rianxo e Urme unha cada un. Tamén estiveron no podio outros equipos da comarca como o Náutico Ribeira.

Se o tempo non o impide, este sábado a competición trasládase a Narón. Alí disputarase o XXV Trofeo Cidade de Narón.

Salir de la versión móvil