jueves, septiembre 28, 2023

BREAKING

O plan de loita contra a vespa velutina deseñado pola XUNTA permitiu retirar ou inactivar ata 7.015 niños no que vai de ano

A Xunta de Galicia, a través do Plan de Vixilancia e Control da Vespa Velutina, retirou ou inactivou no que vai de ano 7.015 niños deste insecto en toda Galicia, a maioría na provincia da Coruña, 4.451. En Lugo foron 743, en Ourense, 34 e en Pontevedra, 1.787.

A primeira vez que se detectou en Galicia a presenza de velutina foi en 2012, nese momento actuouse sobre dous niños na nosa comunidade. Dende febreiro de 2014, cando a presenza deste insecto dou un salto cuantitativo, está en funcionamento o Plan de Vixilancia e Control impulsado por esta Consellería, co que se interveu sobre 572 niños.

Pero se ata 2015 era a Consellería do Medio Rural en solitario a que retiraba os niños (en todo o ano pasado foron 5.045) este ano sumáronse a este plan outros departamentos como as Consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, concellos, a través da Fegamp, ademais de asociacións apícolas. Así, coa súa incorporación, repartiuse o mapa territorial de Galicia e definíronse as situacións nas que actuaría cada institución para que, a través desta coordinación, cada aviso fose xestionado de forma máis rápida e eficiente sen duplicar accións.

A retirada ou inactivación de niños non foron as únicas accións que desenvolveu a Xunta contra a presenza da vespa velutina na nosa comunidade. A Consellería do Medio Rural ten entregado trampas e líquido atraente aos apicultores dos concellos afectados co obxecto de realizar o trampeo de primavera, destinado á recollida de raíñas do insecto invasor tras a súa hibernación. Cada raíña capturada supón un niño menos na tempada seguinte. No 2016 entregáronse ata 2.100 trampas e botes de líquido, e esta entrega únese ás 3.000 trampas e botes de líquido atraente xa entregadas aos apicultores no 2015.

Ademais, Medio Rural e o resto de departamentos colaboradores achegaron 436 Equipos de Protección Individual a traballadores que desenvolven as tarefas do Plan de Vixilancia e Control, así como 73 pértegas a concellos, Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) e ás asociacións apícolas que o solicitaron. A estas cifras habería que sumar tamén o material adquirido por esta Consellería para o seu propio persoal e que xa foi adquirido en anos anteriores.

Medio Rural lembra que a vespa velutina non é máis perigosa para as persoas que a vespa autóctona (crabro). En todo caso, existe un teléfono específico para alertar da presenza deste insecto, o 012.

https://www.youtube.com/watch?v=lwKV8Svh6DE

Related Posts

Load More Posts Loading...No More Posts.