A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, remitiulle unha misiva ás asociacións de empresarios de Galicia informando das medidas que está a poñer a Xunta para adquisición de solo empresarial, ofrecendo ás empresas, solo urbanizado, dotado dos servizos necesarios e ben comunicado por vía terrestre, aérea e marítima, nas mellores condicións do mercado, grazas á aplicación de bonificacións de ata o 50 % no prezo de venda do solo empresarial.
Estas medidas posibilitaron que, entre 2015 e 2016, se adxudicaran preto de 640.000 m2 de solo empresarial para o desenvolvemento de proxectos que prevén mobilizar 360 millóns de euros e xerar 12.000 empregos.
Dende a Xunta, sublíñase a aposta do Goberno galego polo desenvolvemento económico e social de Galicia empregando todas as ferramentas de que dispón, entre as que se atopa a promoción de solo empresarial nas condicións máis vantaxosas posibles aos emprendedores.
Nesta liña de cooperación impulsada polo Executivo autonómico e para competir de forma efectiva con Portugal, dende o Executivo autonómico tamén se está a ofrecer a posibilidade de adxudicación de solo empresarial en dereito de superficie, para que os interesados so paguen un canon simbólico anual, coa posibilidade de adquirir o solo nos 10 primeiros anos da adxudicación, descontando do prezo o 40 % do pagado en concepto de canon, o que supón, un alugueiro simbólico con dereito de compra.
Na carta que remitiu a conselleira de Infraestruturas e Vivenda ás asociacións de empresarios dos polígonos tamén se destaca que as medidas non serven se non se coñecen, polo que se está a informar sobre as posibilidades que ofrece a medida implantada, porque permite ás empresas concentrar os seus investimentos iniciais na construción e dotación das súas instalacións produtivas, sen ter que preocuparse polo investimento necesario na adquisición de solo, posto que o canon por metro cadrado vai dende 0,30 euros por metro cadrado e ano.
Na carta achegase un folleto informativo coas condicións da adxudicación de solo empresarial, tanto en compravenda como en dereito de superficie, indicando o solo dispoñible e os prezos e pódese ampliar a información en Xestur, no teléfono 981 151 464 extensión 04.
https://www.youtube.com/watch?v=c-P9MtSifkw